Tuesday 23 de April de 2024

Alternativa pregúntase cando vai poñerse a traballar o novo concelleiro de deportes


Resulta incrible que as licitacións de obras importantes coma o mantemento do céspede artificial do campo de fútbol “As Mariñas-Andrés Pena” estean sen resolver despois de máis dun mes de goberno tránsfuga.

Non hai desculpa posible. En materia de deportes pasáronse o relevo de unha a outro, mais esta importante actuación para o mantemento do principal campo de fútbol do Concello de Sada segue sen resolverse a pesar de que data do pasado 7 de outubro sendo concelleira de deportes a actual alcaldesa tránsfuga.

Trátase dunha acometida que inclúe un mantemento preventivo e correctivo onde se recollía, entre outras cousas, o descompactamento e aireado do terreo, o cepillado e distribución uniforme do material de recheo, a limpeza da superficie, o control dos niveis do recheo e de material elástico, así como reposición periódica dos materiais, a limpeza de canais da rede de drenaxe, e a revisión de todos os compoñentes do equipamento.

Desde Alternativa esperamos que o novo concelleiro de deportes comece a aportar solucións ós graves problemas de infraestruturas que están pendentes no Concello de Sada antes de que remate a actual lexislatura porque o pobo de Sada non pode seguir privado por máis tempo das súas esenciais estruturas deportivas coma a piscina municipal, a pista de patinaxe, ou o campo de fútbol das Mariñas-Andrés Pena.